Saltar ao contido

Inmunidade humoral

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A inmunidade humoral é a parte da inmunidade que está mediada por macromoléculas (a diferenza da inmunidade mediada por células), as cales se encontran nos fluídos extracelulares e poden ser anticorpos, proteínas do sistema do complemento ou certos péptidos antimicrobianos. A inmunidade humoral denomínase así porque depende de substancias que se encontran nos humores corporais (fluídos do corpo).

O estudo dos compoñentes moleculares e celulares que comprenden o sistema inmunitario, incluíndo a súa función e interaccións, é o obxectivo da inmunoloxía. O sistema inmunitario divídese en sistema inmunitario innato, máis primitivo, e sistema inmunitario adaptativo ou adquirido propio dos vertebrados ; cada un destes sistemas contén compoñentes humorais e celulares.

A inmunidade humoral refírese á produción de anticorpos e os procesos accesorios que a acompañan, incluíndo: a activación de linfocitos Th2 e da produción de citocinas, formación de centros xerminais nos ganglios linfáticos, cambio de isotipos, maduración da afinidade e xeración de células de memoria. Tamén se refire ás funcións efectoras dos anticorpos, que inclúen a neutralización de patóxenos e toxinas, activación do complemento clásica, e a promoción da fagocitose por opsonización e a eliminación do patóxeno.[1]

O concepto de inmunidade humoral desenvolveuse ao analizar a actividade antibacteriana de compoñentes do soro sanguíneo. Considérase que foi Hans Buchner quen desenvolveu a teoría humoral en inmunidade.[2] En 1890 Buchner describiu as alexinas, ou “sunstancias protectoras”, que existen no soro e outros fluídos corporais e teñen a capacidade de matar microorganismos. As alexinas, máis tarde redefinidas como o "complemento" por Paul Ehrlich, eran compoñentes solubles das respostas inmunitarias innatas que orixinaban unha combinación de inmunidade celular e humoral, e tiñan características a cabalo entre a inmunidade innata e a adquirida.[2]

Despois do descubrimento en 1888 da difteria e o tétano, Emil von Behring e Kitasato Shibasaburō mostraron que a enfermidade non tiña por que ser causada directamente polos microorganismos. Descubriron que filtrados libres de células extraídos de casos desas enfermidades podían causar por si sós a enfermidade. En 1890, os filtrados de difteria (máis tarde chamados toxinas diftéricas) utilizábanse para inmunizar animais nun intento de demostrar que o soro inmunizado dos animais tratados contén unha antitoxina, que podía neutralizar a actividade da toxina e podía transferir inmunidade a animais non inmunizados.[3] En 1897, Paul Ehrlich demostrou que se formaban anticorpos contra as toxinas de plantas ricina e abrina, e propuxo que estes anticorpos son responsables da inmunidade.[2] Ehrlich, xunto con Emil von Behring, desenvolveron a antitoxina diftérica, que se converteu no primeiro grande éxito da inmunoterapia moderna.[3] A presenza e especificidade de anticorpos compatibles converteuse na principal ferramenta para estandarizar o estado de inmunidade e identificar a presenza de infeccións previas.[3]

Principais descubrimentos no estudo da inmunidade humoral[3]
Substancia Actividade Descubrimento
Alexina(s)
Complemento
Compoñentes solubes no soro
que poden matar microorganismos
Buchner (1890),
Ehrlich (1892)[2]
Antitoxinas Substancias no soro que poden neutralizar
a actividade de toxinas, permitindo a inmunización pasiva
von Behring e Kitasato (1890)[4]
Bacteriolisinas Substancias do soro que funcionan coas
proteínas do complemento para inducir a lise bacteriana
Richard Pfeiffer (1895)[5]
As aglutininas bacterianas
& precipitinas
Substancias do soro que aglutinan bacterias
e precipitan as toxinas bacterianas
von Gruber e Durham (1896),[6]
Kraus (1897)[7]
Hemolisinas Substancias do soro que funcionan co complemento
para Hemólise (microbioloxía)lisar glóbulos vermellos
Belfanti e Carbone (1898)[8]
Jules Bordet (1899)[9]
Opsoninas Substancias do soro que cobren a membrana externa
de bacterias e melloran o grao de
fagocitose por macrófagos
Wright e Douglas (1903)[10]
Anticorpos Formación (1900), hipótese da unión antíxeno-anticorpo
(1938), produción polas células B (1948),
estrutura (1972), xenes das inmunoglobulinas (1976)
Descubridor inicial: P. Ehrlich[2]

Sistema do complemento

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Sistema do complemento.

O sistema do complemento é unha cascada bioquímica do sistema inmunitario innato que axuda a eliminar os patóxenos dun organismo. Depende de moitas pequenas proteínas que funcionan en conxunto para distorsionar as membranas das células diana o que causa a citólise. O sistema do complemento consta de máis de 35 proteínas, algunhas solubles e outras unidas á célula, 12 das cales están directamente implicadas nas vías do complemento.[1] O sistema do complemento está implicado tanto en actividades do sistema inmunitario innato coma do adquirido.

A activación deste sistema leva á citólise, quimiotaxe, opsonización, aclaramento inmunitario, inflamación e á marcaxe dos patóxenos para a fagocitose. Estas proteínas supoñen o 5% da fracción de globulinas do soro sanguíneo. A maioría destas proteínas circulan como cimóxenos, que son inactivos ata que sofren unha clivaxe (corte) proteolítica.

O sistema do complemento actívase por tres vías bioquímicas: a vía clásica do complemento, a vía alternativa do complemento, e a vía da lectina de unión á manosa. A vía clásica do complemento require anticorpos para a súa activación e é unha resposta inmune específica, mentres que a vía alternativa pode activarse sen a presenza de anticorpos e considérase unha resposta inmune inespecífica.[1]

Anticorpos

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Anticorpo.

As inmunoglobulinas son glicoproteínas da superfamilia das inmunoglobulinas que funcionan uníndose a antíxenos (anticorpos), polo que os termos inmunoglobulina e anticorpo utilízanse como sinónimos. Atópanse no sangue e fluídos dos tecidos, xunto con moitas secrecións. En estrutura, son proteínas globulares grandes con forma de Y. Nos mamíferos hai cinco clases de anticorpos: IgA, IgD, IgE, IgG, e IgM. As diferentes clases de inmunoglobulinas diferéncianse nas súas propiedades biolóxicas e evolucionaron para tratar con antíxenos diferentes.[11] Os anticorpos sintetízanse e segréganse nas células plasmátcas, que son as células B activadas do sistema inmunitario.

O sistema inmunitario adquirido utiliza os anticorpos para identificar e neutralizar partículas estrañas que penetren no organismo, como bacterias e virus. Cada anticorpo recoñece como diana un único antíxeno específico. Ao unirse aos seus antíxenos específicos, os anticorpos poden causar aglutinación e precipitación de produtos anticorpo-antíxeno, previa á fagocitose por macrófagos e outras células, bloquean os receptores de virus, e estimulan outras respostas inmunitarias, como a vía do complemento.

Un exemplo de resposta inmunitaria humoral é o rexeitamento de transfusións de sangue incompatibles. Este tipo de reacción, chamada reacción hemolítica aguda, orixina a destrución rápida (hemólise) dos glóbulos vermellos do doante polos anticorpos do hóspede. Os síntomas son febre, calafríos, ás veces con dor nas costas e ouriños rosas ou vermellos (hemoglobinuria). A principal complicación é que a hemoglobina liberada pola destrución dos glóbulos vermellos pode causar insuficiencia renal aguda. Cos métodos de análise actual as transfusións incompatibles só se poden producir se hai un erro clínico na manipulación das mostras.

As células B

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Célula B.

A principal función das células B é producir anticorpos contra os antíxenos solubles. O recoñecemento do antíxeno por parte do linfocito B non é o único elemento necesario para a activación das células B. Esta activación consiste nunha combinación de proliferación clonal e diferenciación celular terminal en célula plasmática.

As células B virxes poden ser activadas dun modo dependente ou independente das células T, pero sempre se requiren dous sinais para a activación.

A activación das células B depende dun destes tres mecanismos: activación independente de células T de tipo 1 (resposta policlonal), activación independente de células T de tipo 2 (na cal as células B maduras responden a estruturas moi repetidas causando enlaces cruzados nos receptores da superficie das células B), e activación dependente de células T. Durante a activación dependente de células T, unha célula presentadora de antíxenos presenta un antíxeno procesado a unha célula T axudante (Th), o que a deixa "cebada" (preparada). Cando unha célula B procesa e presenta o mesmo antíxeno á célula Th cebada, a célula T libera citocinas que activan a célula B.[1]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Janeway CA; Jr. (2001). Immunobiology. (5th ed.). Garland Publishing. ISBN 0-8153-3642-X. (electronic full text via NCBI Bookshelf). 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Metchnikoff, Elie (1905) Immunity in infectious disease (Full Text Version) Cambridge University Press
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Gherardi E. The experimental foundations of Immunology Arquivado 30 de maio de 2011 en Wayback Machine. Immunology Course Medical School, University of Pavia.
  4. von Behring E, Kitasato S. (1890) On the acquisition of immunity against diphtheria and tetanus in animals (German). Dtsch. Med. Wochenschr. 16: 1145-1148
  5. Peer biography by Paul Fildes Biographical Memoirs of Fellows of the Royal Society, Vol. 2, Nov., 1956 (Nov., 1956), pp. 237-247
  6. hygiene of the sexual life (German, fulltext)
  7. Mencionado en On the Formation of Specific Anti-Bodies in the Blood, Following Upon Treatment with the Sera of Different Animals, George H. F. Nuttall American Naturalist, Vol. 35, No. 419 (Nov., 1901), pp. 927-932
  8. BELFANTI, S. AND CARBONE, T.: Produzione di sostanze tossiche mmcl siero di animale inoculati con sangue eterogeneo. Gior. d.r. Accad. di. med. di Torino, Series 4, 46: 321, 1898.
  9. Bordet, J. 1898. Sur l'agglutination et la dissolution des globules rouges par le serum d'animaux injectes de sang defibrine. Ann. De l'Inst. Pasteur. xii: 688-695.
  10. Wright, A. E., and S. R. Douglas. 1904. An experimental investigation of the role of the body fluids in connection with phagocytosis. Proc. R. Soc. London 72:357-370.
  11. Pier GB, Lyczak JB, Wetzler LM (2004). Immunology, Infection, and Immunity. ASM Press. ISBN 1-55581-246-5. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • The following article reviews some of the early experiments that laid the foundations of the humoral theory:

Meltzer, S. J. and Charles Norris (1897) The Bactericidal Action of Lymph Taken From the Thoracic Duct of the Dog. (Full Text-pdf) Journal of Experimental Medicine Vol. 2, Issue 6, 701-709.